Información de interese
As bibliotecas constitúen servizos culturais e informativos da máxima relevancia para unha sociedade avanzada. A través delas posibilítase o cumprimento de importantes mandatos constitucionais, como son o acceso de todos e todas á cultura, a participación da cidadanía na vida cultural e a conservación e promoción do patrimonio cultural do pobo galego.
A Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, estableceu as bases e as estruturas fundamentais para a planificación e o desenvolvemento do Sistema Galego de Bibliotecas, cuxa coordinación e dirección lle corresponde á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
O directorio de bibliotecas constitúe un instrumento básico para coñecer a realidade das bibliotecas galegas e dar soporte á actividade de cooperación e coordinación entre elas.
Este directorio recolle os e datos das bibliotecas públicas e das bibliotecas especializadas localizadas en Galicia, proporcionando información de interese tanto para os e as profesionais do eido bibliotecario como para a cidadanía.
Son bibliotecas públicas aquelas abertas ao público en xeral, que lle prestan a toda a comunidade un servizo de lectura e información sen máis restrición ao uso dos seus fondos e servizos que a que se derive da conservación e preservación dos seus fondos patrimoniais.
As bibliotecas especializadas son aquelas que se centran a súa colección e os seus recursos nunha materia ou área de coñecemento específicos e que, por regra xeral, están ao servizo dunha institución ou grupo determinado de usuarios e usuarias.
A información que se ofrece nesta páxina facilita a identificación das bibliotecas e permite facer buscas por diferentes criterios, como o tipo de biblioteca, a localización xeográfica, a titularidade ou o eido de especialización.
Cada rexistro contén unha presentación xeral de cada unha das bibliotecas, que inclúe os datos identificativos básicos, os datos de contacto e localización, forma de acceso e outra información de carácter administrativo, como os datos de titularidade e xestión e os datos da rede á que pertence, de ser o caso...
A información que figura no directorio é proporcionada polas entidades xestoras das bibliotecas e mantida pola consellería competente para a coordinación e dirección do Sistema Galego de Bibliotecas.